O Teatro Principal da Estrada recibirá mañá, 6 de xuño, a partir das oito da tarde, a décima edición da Festa das Palabras coa que o concello galardona ás novas xeracións de autoras e autores do municipio. Trátase dun encontro onde se xuntan os concursos de micropoemas e microrrelatos organizados polo colectivo Diamizaestrada, que aglutina aos departamentos de normalización lingüística de todos os centros educativos da Estrada. Nesa festa, os 62 autores gañadores/as recibirán o seu premio.
A madriña da Festa é a escritora Charo Golmar, mestra xubilada e autora dos poemarios Nobelo de luz e No bico do vento. O acto contará tamén coa actuación musical de Proxecto Valladares, un trío de músicos estradenses que están a recuperar e difundir a música dos irmáns Valladares de Vilancosta (Berres).