A Festa da Música leva a troula a Cabana de Bergantiños, Ribeira, Muros e A Coruña

A Festa da Música, organizada pola área de cultura da Deputación da Coruña para celebrar o Día Europeo da Música, vai traer os concertos de A Sombra dos Soños, Noar, MJ Pérez, Caldo e Moura en catro concellos da provincia os días 15, 20 e 21 de xuño.

Programación da Festa da Música

A Festa da Música comezará o día 15 en Cabana de Bergantiños coa actuación de A Sombra dos Soños ás 22:30h no local social de Canduas; continuará o día 20 con Noar no auditorio de Ribeira ás 11h; o 21 con MJ Pérez ás 22:30h na praza do Mercado de Muros, e rematará o 22 co concerto conxunto de Caldo e Moura ás 20h no Teatro Colón. Para este último, poden retirarse as entradas na páxina web de ataquilla ou no quiosco da coruñesa praza de Ourense.

A deputada de cultura, Natividade González, destacou «o apoio á música en galego» que se fai dende a Deputación, «un compromiso que asumimos para poñer en valor a nosa cultura e identidade». Ademais, apuntou, «para nós é un pracer contar cun cartel de tan alto nivel como este», nunha iniciativa na que «traballamos conxuntamente cos concellos para programar música de artistas galegos e que a veciñanza da provincia a poida palpar.»

MJ Pérez agradeceu formar parte da Festa da Música, onde participará cun concerto «da xira de nada menos que o décimo aniversario», con toda a banda, en Muros.

O músico José Carballido, de A Sombra dos Soños, dixo sentirse «contento» de participar neste programa, «que celebra a música e que, ademais, é unha mostra da variedade musical que temos agora mesmo en Galiza, onde vivimos un momento histórico». José Carballido tamén salientou o labor da Deputación, «fundamental» para «apoiar a creación en galego e visibilizar a nosa cultura». Convidou ao público a asistir ao seu concerto en Cabana de Bergantiños, que será «fermoso e cañero».

E, por último, o cantante de Moura, Diego Veiga, subscribiu as palabras de José Carballido, resaltando que se trata dun «cartaz que condensa moi ben o excelente estado de saúde da música galega». Tamén afirmou que é «un orgullo actuar nun espazo icónico como o Teatro Colón, que nos permite ademais chegar a outro público».

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego