Ata o 22 de xaneiro de 2023, pódese visitar a exposición ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de Historia’ no Vello Cárcere de Lugo. Á súa inauguración, que tiña lugar este pasado sábado, acudiron a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, o tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, Valentín García en representación do Consello da Cultura Galega, Sabela Fraga, comisaria da exposición e integrantes de Fuxan os Ventos.
Na mostra recóllese as orixes do grupo, a ligazón cos coros e coa canción protesta, os inicios da Nova Canción Galega, as pezas populares ou a posta en valor de poetas galegas que tanto marcan a historia deste grupo.
https://t.co/nIO1Zrl8Zk
Tiña que ser o 22 de outubro, o día exacto no que fai 50 anos fixemos a nosa primeira actuación no III cancioneiro das San Lucas de Mondoñedo.
Tiña que ser en Lugo, a nosa cidade…#fuxanosventos50anosdehistoria #Lugo #oVelloCárcere #FuxanOsVentos pic.twitter.com/duBQVc6sqY— Fuxan os Ventos (@fuxanosven) October 23, 2022
Fuxan os Ventos
Fuxan os Ventos naceu no ano 1972 a partir da unión dun grupo de rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.
Entre o ano 1976 e o 2009 lanzaron un total de 10 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).
A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.
Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega .