A Eurovisión mundial da intelixencia artificial celebrarase o 4 de novembro na Coruña

AI Song Contest, máis coñecido coma a “Eurovisión” mundial da intelixencia artificial, celebrará a súa edición 2023 na cidade da Coruña o 4 de novembro. A cita deste ano, presentada na Sede Afundación A Coruña, leva por lema “Walking With AI” (O Camiño
da IA), e celebra a diversidade de xeitos de traballar a intelixencia artificial na música no eido
internacional, cos artistas no centro do proceso de composición.

Nós Televisión ten o pracer de ser un dos medios colaboradores desta cuarta edición que contará cunha cerimonia de inauguración, que terá lugar o venres 3 de novembro á noite, antes do grande día, no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso “AI & Creation Day” durante a mañá e tarde do sábado, cunha programación de charlas e mesas de debate académicas arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.

Expertos na materia tamén achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos
equipos finalistas, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terán a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á lingua galega.

Despois da xornada divulgativa, os asistentes gozarán da espectacular Grande Final en Studio Follow, ubicado na Grela, cun programa de televisión en directo para celebrar a música co-creada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega estará moi presente. Rematarase cunha festa posterior no mesmo estudio.

A primeira serie de entradas porase á venda a partir deste venres 7 de xullo ás 12:00 horas a través da plataforma Ticket Hoy. Con este certame, A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixenciaartificial, aproveitando a acollida da futura AESIA.

Aberto o prazo de candidaturas

Dende hoxe e ata o 4 de setembro, convídase a artistas, afeccionados da intelixencia artificial e outros perfís vencellados á innovación cultural de todo o mundo a presentar a súa composiciónco-creada con IA. Deste xeito, os organizadores agardan recibir composicións musicais de todos os xéneros, desenvoltas por equipos compostos por músicos, técnicos e enxeñeiros con axuda da intelixencia artificial.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego