A Estrada e Rianxo unen forzas para poñer en marcha a exposición “Virxinia Pereira: Dez voltas na vida”

O Concello da Estrada inaugura hoxe, luns 22, a exposición “Virxinia Pereira: Dez voltas na vida”, unha iniciativa que se integra no Ano Cultural 2026 e que será posteriormente acollida no municipio de Rianxo.

De feito son estes dous concellos, unidos polas figuras de Virxinia Pereira e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e cun proceso de irmanamento iniciado, os que promoven conxuntamente esta mostra.

A exposición

A mostra “Virxinia Pereira: Dez voltas na vida” está deseñada pola Editorial Galaxia co asesoramente de Montse Fajardo. A exposición propón un percorrido pola vida da protagonista do Ano Cultural 2026 no Concello da Estrada a través de dez etapas e viaxes vitais, desenvolvidas en seis estruturas e doce paneis informativos.

O relato expositivo percorre escenarios fundamentais na súa biografía, como A Estrada, Rianxo, Pontevedra, Madrid, Nova York, París e Buenos Aires, poñendo o foco na súa relación vital e intelectual con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e no seu papel decisivo na conservación do seu legado.

A exposición poderá visitarse na alameda municipal da Estrada desde o 22 de xuño ata, previsiblemente mediados de setembro, momento no que se agarda que sexa trasladada a Rianxo. Alí continuará o seu itinerario expositivo dentro do proxecto cultural compartido entre ambos municipios.

Colaboración institucional

Con esta iniciativa, A Estrada e Rianxo consolidan o seu irmanamento cultural mentres avanzan nos trámites para formalizar o institucional, fortalecendo a cooperación arredor da figura de Virxinia Pereira e da memoria histórica ligada ao galeguismo e ao universo Castelao.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego