A Estrada e Rianxo formalizarán o seu irmanamento o 19 de outubro, aniversario da voda entre Virxinia Pereira e Castelao

A figura de Virxinia Pereira Renda, a galeguista que compartíu vida e loita con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, une aos concellos da Estrada e Rianxo que formalizarán o seu irmanamento o 19 de outubro, aniversario da voda de Virxinia e Daniel.

Trátase dunha unión entre os concellos aos que pertence cada unha das partes deste matrimonio: Virxinia Pereira, nada na Estrada en 1884, e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que naceu en Rianxo en 1886. Ambos casaron na antiga igrexa da Estrada, a de San Paio, o 19 de outubro de 1912.

Virxinia Pereira e Castelao festexaron as súas nupcias no edificio que outrora servía de sede para o Casino estradense. Aos pés deste emblemático inmoble, nun lugar destacado da actual Praza de Galicia, foi colocada no mes de xuño a escultura que reúne á familia Castelao-Pereira.

Irmanamento: significado e propostas

A sinatura de irmanamento chega logo de que ambos os dous municipios formalizasen a decisión en acordo plenario durante o mes de setembro.  O marco temporal para esta sinatura encádrase dentro do Ano Cultural Virxinia Pereira e de igual xeito, este ano é o 140 aniversario do nacemento de Castelao en Rianxo.

O irmanamento entre A Estrada e Rianxo non nace dunha afinidade xenérica, senón dun vínculo biográfico e patrimonial concreto, documentado e vivo, que o Ano Cultural Virxinia Pereira 2026 pon en valor. Formalizalo agora consolida unha cooperación xa iniciada meses atrás, honra a memoria dunha estradense esencial para a cultura galega e dota a ambos os concellos dun marco estable de traballo común.

Entre as propostas que se levarán a cabo a través desta unión figuran: un programa marco de cooperación estable articulado en canto á memoria e patrimonio, con itinerancia recíproca de exposicións e sinalización cruzada de lugares de memoria da familia Pereira-Castelao; un programa anual de intercambio escolar entre centros de ensino dos dous concellos arredor das figuras de Virxinia e Castelao; ou mesmo a convocatoria bianual conxunta (premio ou bolsa) de investigación ou creación sobre o galeguismo cultural, con especial atención ao papel das mulleres na conservación e transmisión do patrimonio.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego