Avelina Valladares é unha creadora fundamental do Rexurdimento galego, mais da que aínda nos queda moito por coñecer. Neste 2025 cúmprense 200 anos do seu nacemento na Estrada e, por iso, se converterá na protagonista do ano cultural de A Estrada que, desde 1997, impulsa un premio de poesía co nome da autora.
Ano Cultural Avelina Valladares
Neste Ano Cultural dedicado a Avelina Valladares levaranse a cabo ata 8 actividades para render homenaxe e poñer en valor a vida e obra desta muller que, ademais de poeta, foi compositora e intérprete no mundo da música, especialmente na guitarra.
A primeira actividade do Ano Cultural Avelina Valladares terá lugar en marzo coa presentación do texto teatral ‘Os seráns de Vilancosta’, do dramaturgo Santiago Cortegoso e editada por Galaxia.
Xa no mes de abril estrearase un espectáculo musical co mesmo título con base nesa dramaturxia. Nese mesmo mes tamén se presentará unha unidade didáctica para centros de ensino sobre a faceta literaria ou musical da autora , feita pola xornalista Laura Filloy.
Haberá tamén un roteiro por espazos vencellados coa autora e que incluirá un concerto. Ademais durante o mes das letras, en maio, agasallaranse bolsas de tea coa imaxe da autora homenaxeada.
En setembro unha xornada dedicada a Avelina repasará a súa vida e as súas facetas literaria, musical e xornalística e cara final de ano a Casa das Letras inaugurará unha exposición sobre a autora que despois irá rotando polos centros de ensino locais para rematar no IES Avelina Valladares.
Como despedida do Ano Cultural lanzarase un volume editado por Xosé Luna e publicado por Galaxia que reunirá toda a obra da coñecida como “Cantora do Ulla”.