A exposición itinerante ‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’ é un dos elementos centrais da conmemoración do traxecto histórico que esta empresa cultural realiza durante este 2025. A propia mostra encárgase de percorrer a historia da editorial desde a súa fundación en 1950 ata o día de hoxe, facendo fincapé no papel fundamental de Galaxia na transformación do noso país e a construción da cultura galega contemporánea.
A exposición está comisariada por un amplo equipo académico como é o director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela e director da Revista Grial, Henrique Monteagudo; a profesora de literatura galega e a autora de primeira tese que investiga os primeiros anos da historia da Editorial Galaxia, Malores Villanueva, xunto ao catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva. O deseño da exposición corre a cargo de estudos Desoños.
Que podes atopar na mostra?
Grazas á exposición, as visitantes poden atoparse co labor de autoras e autores vinculados á fundación da Editorial, como son Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro; posteriores editores e directores de Galaxia, como Carlos Casares ou Víctor Freixanes; ademais de autoras e autores xa considerados clásicos, Castelao ou Eduardo Blanco Amor, e autorías vinculadas a Galaxia que foron marcando cada unha das súas traxectorias a través das décadas como Xohana Torres, Fina Casalderrey, Domingo Villar…
Ademais, pódense descubrir os títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia. Deste xeito, a mostra artéllase en catro bloques que fían a historia desde o noso Rexurdimento ata a xeración do novo milenio.
Nesta exposición, Galaxia continúa vinculándose cunha estratexia de múltiples formatos e conta cunha peza audiovisual realizada por Nós Televisión onde diferentes persoas vinculadas á cultura galega, e en concreto á historia de Galaxia, abordan a produción literaria desta casa editorial. Figuran persoas de diferentes xeracións como Xesús Alonso Montero, Tamara Andrés, Xosé Manuel Beiras, Antía Yáñez, Dolores Vilavedra ou Ramón Villares, entre outras.
Inauguración da mostra
Ao acto de inauguración da exposición, que tivo lugar este pasado mércores no Auditorio da Sede Afundación de Compostela, acudiron tanto o presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, como o seu director, Xosé Manuel Soutullo; personalidades como a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; xunto cunha amplia representación do mundo editorial e da cultura galega.
Logo de Santiago, onde máis estará?
A exposición ‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’ percorrerá o país ao longo deste 2025 facendo escala nas sete cidades galegas. Deste xeito, abril e maio estará no Pazo Provincial de Lugo; en maio e xuño, na Sala de Exposicións Afundación de Ourense; en xullo, na Sede de Afundación en Ferrol; setembro e outubro, no Café Moderno Afundación de Pontevedra; a Fundación Luís Seoane, na Coruña, en outubro e novembro e para rematar en decembro e xaneiro de 2026 en Vigo, na Sede Afundación da cidade onde está a propia sede de Galaxia.
Actualmente, pódese visitar de luns a sábados, en horarios de 12.00 a 14.00 e de 16.30h a 20.30 h, na Sede Afundación de Santiago de Compostela.