A Editorial Galaxia amplía a colección Biblioteca Neira Vilas con tres novos títulos: Remuíño de Sombras, Camiño Bretemoso e De cando Suso foi carteiro.
Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, Pilar Sampedro, Chus Neira, tamén da Fundación, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, presentaron na mañá do martes 23 de novembro estas tres novas edicións.
Xosé Neira Vilas é un dos escritores máis importantes do noso país. A súa vida estivo fortemente marcada pola emigración, que viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Desa experiencia xurdirá a obra galega máis reeditada e traducida, Memorias dun neno labrego, sobre a que a equipa de Nós Televisión elaborou esta interesante reportaxe.
A Editorial Galaxia publica tres obras máis de Neira Vilas: Camiño bretemoso, publicado por primeira vez en 1967, no que trata o tema da emigración; Remuíño de sombras, na que presenta a imaxe colectiva da comunidade galega de Bos Aires e unha obra recomendada para lectores e lectoras a partir dos 10 anos, De cando Suso foi carteiro.
Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015), foi membro da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana. Autor dunha extensa obra literaria recibiu numerosos galardóns, como a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a Asociación Galega de Editoras (AGE), recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.