A campaña ‘Somos Cultura‘, que comezou en 2020 como un xeito de “reactivar o consumo de cultura local” en Santiago de Compostela durante a pandemia pola Covid-19, consolídase como unha cita anual na cidade. O ciclo ‘Compostela Somos Cultura’ acada a súa terceira edición e, durante un total de 10 semanas, encherá as redes sociais e as distintas plataformas dixitais de propostas artísticas representativas do tecido creativo e artístico de Compostela. A economía social será o fío condutor desta edición.
A presentación aos medios, celebrada no Concello de Santiago e á que asistiron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o coordinador artístico do ciclo, Xacobe Martínez Antelo, foi o espazo de lanzamento de todas as novidades desta terceira edición do dito Ciclo. A máis importante de todas, tal e como destacou a responsable municipal, foi a “incorporación de empresas da economía social compostelá como as localizacións dos microeventos”. De aí sairon as pezas audiovisuais que protagonizan os vídeos de Compostela Somos Cultura “xa tan agardados” pola audiencia, indicou Xacobe Martínez.
Compostela, capital da Economía Social
En 2022 Compostela colleu o testigo de Teruel como Capital Española da Economía Social. Como peche dese ano no que a cidade galega foi distinguida con tal galardón, desde o Concello quérese “dar valor a todas as empresas e organismos” que se enmarcan dentro da Economía Social “e que son tan numerosas na cidade”, con arredor de 150 empresas entre cooperativas, fundacións e outras, explicou Mercedes Rosón.
Novos artistas e melloras nos sorteos dos packs culturais
Os sorteos de packs culturais seguirán estando moi presentes nesta campaña, realizando un por semana, así como tamén un final, asociándose todos ao hastag #CompostelaSomosCultura. Todos estes sorteos estarán compostos de diversos productos culturais e artísticos mercados nas tendas e espazos culturais de Compostela, dende librerías, tendas de música, espazos formativos culturais, cines ou tendas de artesanía, entre outras.
En canto aos artistas implicados nesta edición, “de novo cóntase con persoas de campos moi diversos dentro das industrias culturais”, facendo así “máis atractiva a campaña para un maior número de persoas”, xa que atraerá a seguidores e aficcionados de diferentes artes, explicou o coordinador artístico do Ciclo, Xacobe Martínez. Así, as propostas van dende a música (Manuel Gutierrez, Tres Pesos) ata a danza (Mauro RB, Paula Quintas), o teatro e a oralidade (Carlos Santiago, Vero Rilo) ou unha nova arte que ata agora non estivo presente nas anteriores campañas pero que ten moita importancia en Compostela como é a fotografía (Iván Barreiro).