A dixitalización dos libros de texto resta a presenza do galego na ESO segundo denuncia A Mesa

O programa para libros de texto dixitais, Edixgal, “veta o uso do galego” nos centros de ensinanza secundaria segundo un informe elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística. O estudo, elaborado pola estudante de Filoloxía Galega Nuria Fouciños e coordinado polo presidente da plataforma, Marcos Maceira, analiza e compara os proxectos lingüísticos publicados nas páxinas web dos centros educativos cos libros e manuais utilizados nas materias.

Na súa presentación, Maceira denunciou como a presenza do galego empeora nos centros que contan con EDIXGAL, o programa da Xunta de Galiza para libros de texto dixitais, e que son xa un 59% do total. Neles, a presenza e diversidade de materiais en español é moi superior ao galego, cando non é exclusiva, o que lle garante ao español un mínimo de 52 horas no conxunto da ESO (40,62%) fronte ás 29 do galego (22,65%) e as 16 de outras linguas (12,5%) segundo detalla no informe.

“Isto é así, porque só dúas das materias das áreas que deben ser impartidas en galego (Ciencias naturais e Ciencias Sociais) contan con todos os materiais no noso idioma”, detallan. No resto, ou a maior parte da oferta está só español (música e plástica en 3º e 4º da ESO) ou a oferta en galego é minoritaria (1 en galego fronte a 4 en español en Educación física ou Plástica de 1º da ESO ou Educación física e música de 2º). En cursos como 4º da ESO, ao estaren só en español os libros de troncais como latín, economía, plástica ou música, aumenta a posibilidade de só se empregar o galego en 9 das 32 horas semanais.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego