O festival Maré, músicas e artes atlánticas regresa este 2022 a Santiago de Compostela do 21 ao 25 de setembro cunha trintena de artistas e cunha ampla aposta pola diversidade, o feminismo e as novas lingüaxes.
Dende Escocia, a histórica banda Capercaillie, pioneira do renacemento da canción gaélica, protagonizará un dos grandes concertos desta edición o vindeiro día 21, ou mesmo Chico César, a lenda viva da música brasileira regresará co seu décimo disco, un traballo multicultural que reúne ritmos brasileiros, occidentais, caribeños e africanos, que van dende o forró ao reggae xamaicano, calypso e coco, pasando por un electrizante rock urbano e que actuará o 22 de setembro na sala Capitol.
Entre as últimas novidades que achega o cartel do festival atópase o concerto de peche de A Pedreira. A artista chega con “Segmento cantábrico” ao Teatro Principal xunto con Sofía Viola e Estíbaliz Espinosa. Será un concerto único no que Ugia Pedreira repasará o seu novo universo musical e colaborativo. Súmanse ao programa outras formacións galegas, como Malandrómeda, Dios Ke Te Crew e Catuxa Salom. Tamén contará coa actuación de Guadi Galego, que o día 24 pechará no marco do festival a súa xira “Costuras”.
O festival desenvolverase no parque de Bonaval, no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. Os abonos para asistir a todos os concertos custan 75 euros, xa que os de prezo reducido a 50 euros xa se esgotaron. Pola súa banda, os abonos para asistir aos concertos de Bonaval o venres e o sábado, onde actuarán Pietá, Aziza Brahim Tabal Quartet, Malandrómeda, Fogo Fogo, Maruja Limón, James BKS, Pongo e DKTC, custan 40 euros. O abono para un só día en Bonaval ascende a 25 euros. Tamén se poden mercar os tiques para os concertos no Principal, Auditorio e Capitol.