A Deputación de Pontevedra estrea nova imaxe institucional para “tender pontes”

“Somos unha institución que tende pontes”, aseugrou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, equiparando o carácter municipalista do Goberno provincial e do seu Orzamento coa nova imaxe institucional que o presidente presentou este xoves en rolda de prensa aproveitando a súa intervención para dar a coñecer as contas do ano 2024.

López defendeu que a Deputación contará no 2024 co orzamento máis alto da súa historia: Máis de 189 millón de euros para avanzar no municipalismo e na transformación da provincia. A partida de Cooperación cos concellos medra un 16% ata acadar os 66 millóns, un terzo do total.

Con respecto á nova imaxe institucional da Deputación, os arcos dunha ponte danlle forma; uns arcos que, ao mesmo tempo, agochan as siglas (DPO) desta Administración. “Nesta provincia de pontes coma a de Rande, a da Illa de Arousa ou a do Burgo de Pontevedra, a Deputación é unha ponte máis. Somos unha tripla ponte entre cidadáns, concellos e administracións, e por iso esta imaxe representa, en cada un dos seus tres arcos, o noso imprescindible papel dentro da provincia. Ese é o lema que o acompaña: ‘Tendemos pontes’”, detallou López.

Ademais, a cor escollida para esta nova imaxe lanza tamén unha mensaxe de unidade e inclusión. “Esta non é unha imaxe dun partido nin a dun goberno en concreto. Non quixemos tomar ese camiño. Presentamos un logo para este e para os seguintes gobernos, sexan ou non do partido que o apoia neste mandato. Por iso non é nin vermello nin azul; é verde. Verde, coma a pedra antiga de moitas das nosas pontes; como calquera recuncho desta espléndida provincia”, argumentou o representante provincial, que agradeceu o traballo feito polo estudo vigués Chachachá e as achegas do persoal da Deputación.

Continuando coa metáfora da ponte, rematou Luis López a presentación do Orzamento e da nova imaxe institucional asegurando que “levamos case 190 anos en pé, conectando cidadáns de distintas beiras, de lugares moi diversos, para que se xunten en algo moi grande, que é a nosa provincia; temos sólidos piares: confianza, rigor, un proxecto definido, un orzamento forte e todas as ganas por levalo a cabo. Seguimos sendo unha referencia institucional sólida fronte ás correntes revoltas que queren derrubar todo o bo que levamos construído ata hoxe; e seremos aínda máis fortes se, entre todos, fortalecemos eses piares e nos seguimos conectando”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego