A Deputación da Coruña conmemora este 8 de marzo desenvolvendo unha xornada sobre os “Retos e Resistencias das Mulleres Migrantes” que terá lugar o 7 de marzo no Circo de Artesáns de 9.15 a 14.00h. O obxectivo que busca o ente provincial con esta xornada é denunciar as múltiples barreiras que as mulleres migrantes enfrontan no seu proceso de integración social, laboral e cultural e no exercicio pleno dos seus dereitos. Quen queira participar, pode facelo a través deste formulario.
Presentación da campaña
“As mulleres migrantes atravesan múltiples discriminacións non só polo feito de ser mulleres, senón tamén por ser migrantes. Súmanse dous factores que reforzan unha brecha que aínda hoxe continúa a ser infranqueable” sinalou a deputada de igualdade, Soledad Agra. “A precariedade laboral, as dificultades para acceder a unha vivenda digna e a tripla discriminación por xénero, orixe e situación administrativa irregular agravan a súa situación de vulnerabilidade, sendo vítimas de discriminación transversal, que combina factores de xénero, orixe e situación socioeconómica” engadiu.
O obxectivo da área de igualdade neste 8M é promover un espazo de reflexión e diálogo sobre as experiencias, desafíos e estratexias de resistencia das mulleres migrantes na sociedade actual. Un punto de encontro para activistas, expertas, representantes da comunidade migrante e público en xeral para compartir testemuños e propostas sobre as políticas e prácticas necesarias para garantir a súa inclusión e benestar.
Yarama Africa, entidade sen ánimo de lucro que deseña e desenvolve proxectos sociais e culturais cun importante transfundo social sobre feminismo, antirracismo e compromiso social é a facilitadora deste encontro, que finalizará co monólogo antiracista e afrofeminista de Asaari Bibang.
“Dende esta administración queremos abordar todas as problemáticas que sufrimos todas as mulleres, en moitos casos profundamente agravadas pola situación socioeconómica” expresou a deputada, que puxo tamén en valor o papel das mulleres migrantes “esencial na sociedade” xa que, engadiu, “contribúen tanto económica como culturalmente ao desenvolvemento das comunidades de acollida. Con todo, os seus esforzos e loitas adoitan quedar invisibilizados”.