A Deputación da Coruña pon o foco nas Infeccións de Transmisión Sexual na súa campaña institucional do 25N

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, desenvolve neste 2024 unha campaña institucional do 25 de novembro, “DE FRONTE á violencia de xénero” co obxectivo de incidir na sensibilización e concienciación da mocidade. Nesta ocasión, a entidade provincial pon o foco nas Infeccións de Transmisión Sexual (ITS), vinculando o seu incremento coa como violencia de xénero, concretamente con comportamentos de risco, manipulación e engano.

‘Moito coidado’

Dende Femur, a empresa que se encarga da campaña, Judit Cabanas explicou que “o concepto de ‘moito coidado’ fai referencia ao problema e á solución”, sinalando que “durante o traballo previo identificamos tipos de violencia que acaban nisto, e pareceunos fundamental visibilizar estas violencias”. Para iso, “utilizamos un ton que nos permita chegar á xente máis nova, con mensaxes en positivo e animando a sociedade a mudar a violencia por coidado”.

‘DE FRONTE á violencia de xénero’

Así, este 25N a campaña da Deputación pon o foco na identificación das diferentes formas de violencia de xénero e especialmente incide na concienciación sobre as ITS e a implicación do xénero coa finalidade de previr as condutas machistas e neglixentes nas relacións sexuais. #DeFronte apela directamente á implicación dos Concellos e das entidades sociais da provincia, contando coa adhesión de 91 concellos e 108 entidades sociais, educativas e empresariais. “Ofrecemos un espazo onde concellos, entidades, e centros, e tamén a cidadanía en xeral, obteñan material dixital, contidos informativos, xogos interactivos e recursos didácticos actualizados durante todo o ano” sinalou Bea Loureiro, de Nova Xestión Cultural.

Actividades durante todo o ano

#DeFronte desenvolverase ao longo de varias semanas e inclúe unha serie de accións co obxecto de xerar un espazo de diálogo e reflexión arredor da prevención, reparación e eliminación da violencia de xénero: actualización das ferramentas que se atopan na web defronte.gal; elaboración de material audiovisual en materia de prevención de ITS; recursos dixitais para empregar nos puntos violeta e xogos interactivos.

Por outro lado, o propio luns 25 de novembro, terá lugar unha actividade simbólica de sensibilización nos 11 centros de traballo da Deputación, onde se lerá un manifesto que inclúe declaracións reais de vítimas de violencias machistas. Ademais, terán lugar 5 palestras en varios puntos da provincia arredor das distintas formas violencias de xénero.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego