A Deputación da Coruña pon o foco no negacionismo este 25N

A Deputación da Coruña centra o 25N nos novos discursos machistas sobre a falacia da libre elección de roles de xénero tradicionais. A Área de Igualdade da institución provincial promoverá un ciclo de obradoiros, unha xornada monográfica e editará unidades didácticas e contido audiovisual.  A deputada de Igualdade, Sol Agra, destaca que a campaña deste ano da institución pon o foco nos novos discursos, ferramentas e estéticas que alimentan as violencias machistas, desde a manosfera até o fenómeno coquette, as chamadas tradwives ou os ataques e manipulacións realizados mediante o uso de intelixencia artificial.

A Deputación alerta de que estas correntes, cada vez máis presentes entre a mocidade, consolidan unha perigosa idealización da submisión, os roles de xénero considerados tradicionais e a desigualdade.

Sol Agra subliña que “a violencia contra as mulleres segue a ser estrutural e diaria”, e advertiu do avance de discursos negacionistas que “pretenden como elección ou estilo de vida o que realmente é machismo; mais non son inocentes: forman parte dunha estratexia que tenta inverter os avances conquistados e desactivar o feminismo”. A deputada pon o acento na importancia de dotar ao sistema educativo de contidos transversais en igualdade, para fomentar o pensamento crítico e dotar de orzamentos as políticas públicas con perspectiva feminista para contrarrestar estes discursos e garantir que a mocidade acceda a información veraz e segura.

A campaña provincial inclúe unha xornada con palestras dedicadas ás novas violencias, así como un circuíto de obradoiros interxeracionais que se desenvolverán de maneira presencial en dez concellos da provincia. O programa complétase coa edición de unidades didácticas dirixidas á adolescencia e tamén a persoas adultas, co obxectivo de ofrecer ferramentas educativas que permitan identificar, comprender e combater estas formas de violencia. Ademais, elaboraranse distintos contidos gráficos e audiovisuais, como reels, infografías e outros materiais divulgativos que estarán dispoñíbeis na web defronte.gal.

Sol Agra destaca que “poñer fin á violencia machista é un obxectivo irrenunciábel e prioritario” e reafirmou o compromiso da Deputación na protección dos dereitos das mulleres en todos os concellos da provincia. A institución reclama medidas políticas que favorezan a prevención a través da educación en igualdade e recursos públicos que garantan atención integral, acompañamento e reparación ás vítimas, ao tempo que chama a toda a sociedade a manterse firme fronte a quen pretende frear ou inverter os avances en igualdade.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego