A área de Cultura da Deputación da Coruña ven de lanzar na súa canle de youtube e nas súas redes sociais unha serie de mini vídeos para difundir a figura de Ramón Otero Pedrayo, coincidindo con que este 2026 está declarado como Ano Oteriano, conmemorándose os 50 anos do falecemento deste escritor, xeógrafo e político galego, e os 100 anos da publicación da súa primeira ‘Guía de Galicia’.
A serie, realizada por Nós Televisión, está formada por 6 pequenos vídeos, en formato vertical e horizontal. En cada vídeo, unha persoa dá conta da relevancia deste personaxe desde as diferentes facetas que cubriu. O xeógrafo Augusto Pérez Alberti, a vicepresidenta da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, o xornalista Manuel Gago, e os profesores Uxío Breogán Diéguez Cequiel, Emilio Ínsua, e Carme Fernández Pérez Sanjulián son as persoas escollidas para falar de Otero Pedrayo en cada unha das pezas audiovisuais, que se irán publicando cada certos días, a partir de agora, despois de que este luns se estrease a primeira peza.



