A Deputación da Coruña entrega os IV Premios ‘Luísa Villalta’ a 8 proxectos pola igualdade

A área de igualdade da Deputación fixo entrega dos galardóns aos 8 gañadores do VI Premio ‘Luísa Villalta’ a proxectos pola igualdade. As propostas seleccionadas, de múltiples disciplinas artísticas que van das artes escénicas ao cinema, a historiografía, a promoción da lectura ou a fotografía, recibiron un importe de 12.500 euros para o seu desenvolvemento.

Durante o acto, obtiveron ademais como recoñecemento unha fotografía de Xurxo Gómez Chao, “unha peza que se titula ‘Isto’, que é un verso dun poema de Luísa Villalta, creada no 2017 para os actos de homenaxe a Luísa organizados pola asociación Alexandre Bóveda”, explicou o autor. “Fala do reverso das rúas, das habitacións e das casas, da cidade olvidada e instantes, presenzas, da vida e da morte, da música, da identidade e do achado”, engadiu.

A deputada, Soledad Agra, presentou as entidades e persoas gañadoras e agradeceu ao xurado, formado polo sociólogo Adrián Gonçalves e a profesora universitaria Ana Belén García Freijeiro, “o difícil traballo de selección”. Agra explicou o obxectivo desta iniciativa: “como Luísa Villalta, nós ‘queremos ir formando parte’ do compromiso social coa consecución dunha sociedade máis xusta, libre, igualitaria e democrática, por iso apoiamos proxectos de sensibilización, transformación e divulgación que poñen en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres.

Proxectos premiados

As persoas responsables das inciativas premiadas explicaron os seus traballos e agradeceron á Deputación o recoñecemento e o traballo a prol da igualdade. ‘O próximo baile, será comigo’, de Sabela Losada Cortizas; ‘Ofuscadas polo vicio da razón’, de Yarama África; ‘Non calarás’, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; ‘Altas luces’, de Illa Bufarda; ‘ A historia vaxenial’, de Artyc Content; ‘Punto en boca. Costura e teatro’, de Raquel García Crespo; ‘As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada’, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e ‘A clase’, de Mala Herba Producións son os proxectos premiados en 2024, cuxos responsables recolleron esta mañá o galardón da man da deputada de igualdade, Soledad Agra.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego