A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de asinar un convenio de colaboración polo cal o organismo provincial achega 32.000 euros para a realización do proxecto de investigación “Aproximación á historia das políticas culturais de Galicia (1978-2024)”. A sinatura formalizouse coa participación da deputada de Cultura, Natividade González e a reitora da USC, Rosa María Crujeiras Casais, confirmando o compromiso institucional co financiamento desta iniciativa que conta cun orzamento total de 40.000 euros.
A deputada salientou a “importancia” de coñecer e analizar a evolución das políticas culturais para comprender a realidade actual do sector e afrontar os seus retos de futuro e o o “traballo rigoroso e o compromiso da Universidade de Santiago de Compostela coa investigación e co coñecemento da realidade cultural galega”. Neste sentido, salientou que “contar coa experiencia e coa capacidade investigadora da USC é unha garantía para abordar un estudo destas características, que nos permitirá coñecer mellor a evolución das políticas culturais en Galicia”. González subliñou tamén que “a colaboración coa USC nos permite sumar esforzos e poñer o coñecemento académico ao servizo da cultura galega, contribuíndo a comprender o camiño percorrido e a orientar as políticas culturais do futuro”.
O proxecto ten como obxectivo principal recompilar, analizar e sintetizar as transformacións, marcos lexislativos, orzamentos e liñas de actuación que definiron o panorama cultural galego ao longo das últimas catro décadas. Para acadar estes resultados, o traballo estrutúrase en tres fases fundamentais que abranguen dende a revisión documental e a compilación de estatísticas ata un traballo de campo directo con axentes do sector mediante entrevistas en profundidade, grupos focais ou cuestionarios cualitativos.
A investigación culminará cunha análise detallada cuxos resultados se plasmarán nun documento informativo, acompañado de recursos visuais como infografías e gráficos, para facilitar a divulgación e comprensión dos fitos máis relevantes da política cultural galega. Todas as actividades investigadoras executaranse ao longo do ano 2026 no marco desta alianza entre ambas as institucións públicas.



