A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

A Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e o Consello da Cultura Galega formalizaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto ‘Escola, cultura e territorio’;, unha iniciativa que nace coa vontade de promover e visibilizar as experiencias culturais que se levan a cabo no ámbito rural. O convenio foi asinado pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.

O acordo responde á aposta compartida das tres entidades por entender a cultura como unha ferramenta clave para o fortalecemento da identidade colectiva, a construción de comunidade e a preservación da memoria. Neste marco, o proxecto pretende favorecer o coñecemento, a posta en valor e o intercambio de iniciativas que conectan educación, cultura e territorio, contribuíndo ao dinamismo social e cultural das zonas rurais.

En concreto, materialízase nun total de 6 actividades de formación e visibilización, que organizarán as tres entidades, e que comezarán este luns 13 de xullo co Encontro de Boas Iniciativas Culturais que se celebrará no Pazo de Tor, en Monforte, coa participación dunha vintena de asociacións e profesionais da cultura organizado pola Deputación de Lugo. Desde a Deputación da Coruña, promoveranse a final de ano unhas residencias de proxectos culturais no Pazo de Mariñán, e un programa centrado no traballo cultural coa mocidade na Costa da Morte. Pola súa banda, o Consello da Cultura ofrecerá un programa de formación en cultura para cargos públicos e unha iniciativa dixital para visibilizar proxectos culturais co enfoque de ‘Escola, cultura e territorio’.

A deputada de cultura destacou a importancia da colaboración institucional para impulsar políticas culturais que cheguen ao conxunto do territorio e reforcen o papel do rural como espazo de creación, participación e transmisión do patrimonio material e inmaterial. “Trátase dunha iniciativa pioneira de colaboración institucional que evidencia o compromiso compartido das administracións coa cultura e co territorio. Non existen practicamente
precedentes de cooperación entre dúas deputacións galegas para impulsar unha iniciativa cultural destas características, polo que este convenio supón un paso importante na suma de esforzos e recursos para desenvolver proxectos de interese común”, destacou Natividade González.

A responsable de Cultura na Deputación de Lugo Iria Castro valorou a oportunidade “de traballar conxuntamente para fortalecer o ecosistema cultural galego desde o ámbito local, tendo en conta que cada institución atende realidades demográficas e socioeconómicas diferentes. Nas comarcas de Lugo, cunha poboación dispersa e un territorio maioritariamente rural, agroman proxectos moi interesantes dos que aprender. Este marco de colaboración co Consello da Cultura Galega e da Deputación da Coruña danos a oportunidade de proxectar o seu traballo e de canalizar e documentar a súa experiencia para transladala a outros ámbitos”.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, afirmou que este convenio é “un exemplo modélico de colaboración institucional para impulsar políticas culturais que cheguen a todo o conxunto do territorio e superar as asimetrías que existen entre o rural e o urbano, reforzando o papel do rural como un espazo activo, dinámico, de memoria”. Ademais, sinalou que permite “deseñar unha folla de ruta que xorde dunha convicción: a cultura é unha ferramenta de cohesión social”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego