Unha nova edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 10 de outubro ás 19.00 h. Participan nesta ocasión Inma Soto, Telmo Celeiro, Teresa Carro, Anita Mateu, Jon Amil e Rosa Moledo. O acto estará conducido en formato podcast polo Exército Mekemeke e contará coa actuación musical de Sofía Espiñeira.
Esta iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) busca compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua; e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, do Concello de Santiago de Compostela, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.
Ideas para o futuro da lingua
Nesta décimo segunda edición convidamos as seguintes persoas: a educadora ambiental e contadora de historias Inma Soto falaranos das vantaxes de xogar, cantar, bailar e falar en galego; Telmo Celeiro, coordinador do espazo deportivo Ártabros Crossfit, faranos ir ás alancadas coa lingua relacionando a defensa do idioma co deporte; a docente de lingua portuguesa Teresa Carro reflexionará sobre as oportunidades recíprocas entre galego e portugués no ámbito educativo; a creadora de contido dixital e divulgadora cubana Anita Mateu contaranos a súa experiencia de integración a través da aprendizaxe da lingua; Jon Amil, integrante de Recuncho Gamer, analizará a situación dos videoxogos en galego; e Rosa Moledo, especialista en tradución audiovisual, situará no presente do idioma os retos para a súa boa saúde no futuro.
Entradas
As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles. Desde o 28 de setembro están á venda en liña na billeteira electrónica de Eventbrite.
Espallamos ideas a través dun novo web
No web do proxecto, que inclúe un buscador para localizar de forma sinxela os vídeos dispoñibles, pódense consultar os 68 vídeos das intervencións das once edicións anteriores, alén de vídeos das actuacións musicais. O LGx15 grávase e difúndese en vídeos breves a través da rede, pois o principal obxectivo deste proxecto é que as ideas, propostas e as experiencias cheguen ao maior número de persoas posible. Tamén se pode acceder ao material audiovisual a través da canle de YouTube da CTNL.



