A CTNL demanda a recuperación do consenso do PXNLG no seu 20 aniversario

O pasado 21 de setembro fixéronse 20 anos da aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia do Plan xeral de normalización da lingua galega. Dúas décadas despois, as 400 medidas que recolle o documento “para favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego” continúan “sen aplicarse” segundo denuncia a CTNL e, por tanto, sosteñen, “os obxectivos establecidos no plan tampouco se acadaron”.

A Coordinadora sostén que o documento aprobado no 2004 tería que atender hoxe as mudanzas e transformacións sociais destas dúas décadas: auxe das redes sociais e irrupción da intelixencia artificial ou o aumento da poboación migrante.

Desde a CTNL avogan por que o peso adquirido na nova estrutura da Xunta de Galicia “non fique só nunha cuestión denominativa” e chaman á “recuperación do consenso”, a eliminación de toda medida “antinormalizadora” e a apertura dunha nova etapa.

COÑECER ➕SOBRE ESTE DEBATE POLO GALEGO:

A intención de actualizar o PXNL por parte da Administración foi anunciada en sede parlamentaria polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, no mes de maio deste 2024. Este anuncio recibíuse con escepticismo polo PSdeG e o BNG ao considerar que o Goberno do PP nestes 20 anos non desenvolveu ese mesmo PXNL.

Arredor deste debate, Nós Televisión realizou diversas entrevistas que podes atopar na nosa canle de youtube e en nostelevision.gal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego