A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca a sexta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.
O prazo para inscribir proxectos estará aberto ata o 31 de xaneiro de 2025.
Candidaturas
Todas as candidaturas deberán ser de programas, proxectos ou accións xa desenvolvidas e con vixencia total ou parcial en 2021, 2022, 2023 ou 2024. Non se valorarán propostas de accións pendentes de levar a cabo nin se premiarán traxectorias de entidades, senón programas concretos desenvolvidos nalgún/s dos anos indicados. Tampouco se poden presentar aos VI Premios Mil Primaveras (2024) os proxectos recoñecidos nas edicións anteriores.
A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que pode rexistrar cada entidade ou persoa.
Premios Mil Primaveras
Os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego naceron en 2019 para recoñecer accións, campañas, proxectos e programas que teñen como finalidade promover o uso e o prestixio da lingua. Esta iniciativa ten como obxectivos difundir o labor ilusionante e necesario de promoción da lingua que desenvolven servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua galega, asociacións e outras entidades públicas e privadas ou particulares.
Tamén busca valorar e espallar o bo traballo que se fai no campo da normalización lingüística. Compilar accións, proxectos, programas ou campañas que poidan servir como modelos ou ser inspiradoras para seguir traballando a prol da lingua. Transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua e promover que sexa unha tarefa mellor coñecida, comprendida e apreciada socialmente.
En que consisten os Premios Mil Primaveras?
Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Na edición que se convoca este ano, a sexta, as candidaturas deben ter vixencia, total ou parcialmente, en 2021, 2022, 2023 ou 2024.
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e os seleccionados polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 28 proxectos elixidos nas edicións anteriores.
Xurado e criterios de valoración
Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo cos criterios que se establecen nas bases. O xurado estará formado por técnicos/as de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en planificación lingüística, intervención social ou comunicación. Será nomeado pola CTNL e non poderán formar parte del promotores/as de accións candidatas.
Edicións anteriores dos Premios Mil Primaveras
No ano 2019 tivo lugar a primeira edición destes premios, que serviu para recoñecer seis proxectos de normalización lingüística: Modelo Burela (IES Perdouro), Falemos de ti e min (IES de Soutomaior), Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), Proxecto Youtubeir@s (13 concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades), Eu presumo de galego (IES de Melide) e GCiencia.
Na segunda edición, a cabalo entre 2020 e 2021, recoñecéronse sete novos proxectos: Regueifesta e Enreguéifate (concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e promotores da Regueifesta), Galeguiza-T, DígochoEu (CRTVG), Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo), Projeto Educativo Semente, Galegoempresas (concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo) e O galego, a miña lingua propia (Deputación Provincial da Coruña).
Na terceira edición, convocada en 2021, recoñecéronse outros sete proxectos: Do berce á rúa (SNL do Concello de Narón), CantáMOLA en galego (SNL do Concello de Pontevedra), as iniciativas Twitter en galego e Instagram en galego, Somos xogo (Xandobela. Educación e Cultura), Dicionario galego para boomers (IES Leiras Pulpeiro de Lugo) e Media Laranxa.
Na edición convocada en 2022 recoñecéronse catro novos proxectos: Asociación Faladoiros Vigo (Asociación Faladoiros Vigo), Caranvexo TV (SNL do Concello de Moaña), Laboratorio de Apoderamento Lingüístico (Rexenerando, S. Coop. Galega) e Na Utopía (Na Utopía).
Na quinta edición (2023) recoñecéronse os seguintes proxectos: Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña), CeibaRimas (Merenda Creativa), Elos. Engánchate ao galego! (Concello de Santiago de Compostela) e Recuncho Gamer (Recuncho Gamer).
Estes vinte e oito proxectos pódense consultar en detalle no web dos premios.
Os VI Premios Mil Primaveras (2024) promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.