A CTNL convoca a quinta edición dos Premios Mil Primaveras

A convocatoria recoñece os proxectos que promoven a nosa lingua

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os V Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.

Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Na quinta edición poderán ser candidatos os proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2020, 2021, 2022 ou 2023.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 24 proxectos seleccionados nas edicións anteriores.

A participación nos premios é voluntaria e a presentación dos programas de normalización lingüística candidatos deben facela as propias entidades ou persoas que os desenvolveron, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal. Os proxectos deben presentarse por separado sen que haxa límite no número de candidaturas que pode rexistrar cada entidade ou persoa. O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 2 de outubro de 2023 ao 31 de xaneiro de 2024.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego