A CTNL comeza a difundir os vídeos da novena edición do LGx15

A CTNL comezou a publicar na súa canle de YouTube os vídeos da novena edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua, evento que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra. Trátanse de seis intervencións, que compilan experiencias e propostas que poden mellorar o futuro da lingua, conformadas por Paco Veiga, Carlos Airas, Magdalena Sánchez, Kiko da Silva, Fran da Lobeira e Neves Rodríguez xunto coa música de Xiao Berlai, de quen tamén se incluirán vídeos na canle de YouTube da CTNL.

Sesenta e cinco vídeos do LGx15

Cos vídeos deste ano a CTNL compilará 65 intervencións con experiencias, propostas e ideas para o futuro da lingua. Todas elas poden verse no web do LGx15 e en YouTube (2015, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022).

En YouTube tamén é posible consultar os vídeos en listas de reprodución de diferentes temáticas, de forma que temos LGx15 e ciencia, audiovisual, educación, lingua de acollida, crianza, neofalantes, deporte, comunicación, tendencias, patrimonio, xente moza, recursos, creatividade, economía…

Esta iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua busca compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua e na novena edición contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego