A creación de contigo no TikTok súmase aos Premios Youtubeiras+

A oitava edición dos Premios Youtubeiras vén cunha novidade de peso: a inclusión da creación de contido no TikTok. Deste xeito, o certame pasa a chamarse Premiso Youtubeiras+ e amplían o seu o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen.

“Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”, explicou Cristina López, vicerreitora de igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Reitoría da Universidade da Coruña, na que estivo acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, María José Santos Zas.

Datos do certame

O prazo de inscrición para esta edición xa está aberto e remata o vindeiro 15 de novembro ás 23.59 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal.

As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

7.500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras+, tal e como sinalou a alcaldesa de Teo, repartirán nesta nova edición 7.500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal.

O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego