Por terceiro ano consecutivo a cidade da Coruña tinguirase de negro en rexeitamento contra as violencias machistas. A edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou en rolda de prensa no Pazo de María Pita a campaña “A Coruña en Negro” que terá o seu punto álxido o propio día 25N cunha acción de rúa.
A intervención será ás 12 horas na praza de María Pita, na que se habilitará un espazo para a entrega de material vinculado á campaña, cuxas gráficas xenéricas se poden descargar das páxinas http://ennegrocontraasviolencias.gal e www.coruna.gal/igualdade.
“Invitamos á cidadanía e as entidades da Coruña que visibilicen a súa implicación a través das redes sociais, publicando fotografías co cancelo #CoruñaEnNegro e #EnNegroContraAsViolencias”, sinalou a edil.
A área de Igualdade habilitará dous puntos de recollida do material propio da campaña que serán o Centro Cívico de Monte alto e o Fórum Metropolitano, o luns 19 e o martes 20 de novembro, en horario de 12 a 14 horas, e de 18 a 20 horas. Nesta ocasión, a campaña municipal fará un especial fincapé no reparto de material nos establecementos de hostalaría e ocio nocturno, ao contar cun equipo de dinamización propio.
Recoñecemento á Rede de Acollemento e CIM
Rocío Fraga sinlaou a importancia da Rede Municipal de Acollemento e do Centro de Información ás Mulleres. “Puxemos en marcha un Xardín comestible e terapéutico, un proxecto de terapia asistida con cans e estamos a afondar na mellora da empregabilidade e inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero tanto a través de colaboracións coa Concellería de Emprego como da Escola de Oficios Ferrovial Servizos”, explicou Rocío Fraga.