Yolanda Castaño será a encargada de presentar a gran Gala da 3ª edición do Foro A Coruña Global que se celebrará este 20 de decembro no Domus da Coruña co obxectivo de construír un espazo mixto entre o espectáculo e a reflexión arredor dos fluxos globais que conectan A Coruña co mundo do século XXI.
O evento, froito do traballo do Instituto Galego de Análises e Documentación Internacionais (IGADI) e o Concello da Coruña, contará coa música de Mercedes Peón, Ocre e Pava (Lucía Aldao) xunto a participación de convidadas e convidados sorpresa, tanto de maneira presencial como por medio de conexións en liña. A Gala servirá tamén para presentar a versión app-web do Mapa da Coruña global producido polo IGADI co apoio do Concello da Coruña. As inscrición son gratuítas.
Tres anos de traballo por unha Coruña, capital atlántica europa
ACoruna.hub.gal nace no ano 2020 froito do traballo conxunto entre o Concello da Coruña e o IGADI desde o 2018 para mellorar a proxección e imaxe internacional da cidade. A Gala deste ano servirá como punto de encontro para impulsar unha ollada coral da cidade internacional e celebrar a condición de cidade atlántica, referencia no coñecemento, a cultura, a moda ou a creatividade. Deste xeito, obxectivo das actividades do Convenio 2023 entre o Concello da Coruña e o IGADI é posicionar A Coruña como unha capital atlántica europea, moderna e atractiva para o S.XXI.