A Coruña, escenario central das celebracións das Letras Galegas 2024, en homenaxe a Luísa Villalta

A Coruña será o escenario central das celebracións con motivo do Día das Letras Galegas 2024. A escritora coruñesa Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) é a figura homenaxeada este ano, coincidindo co 20 aniversario do seu falecemento.

A alcaldesa, Inés Rey, explicou que a elección de Villalta por parte da Real Academia Galega “é un orgullo para A Coruña como cidade”, e que Villalta é “a mellor expresión desa Coruña dos barrios que fai universal a Falperra, o barrio do Gurugú”. Asemade, a alcaldesa lembrou que no día de onte, 5 de maio, hai dous anos que o Pleno do Concello aprobou unha moción para solicitar que o Día das Letras Galegas lle fose dedicado a Luísa Villalta. “Unha reivindicación de diferentes entidades locais e culturais que tivo o seu eco no Salón de Sesións e que este ano é unha realidade con esa conmemoración”, aseverou.

En canto á programación arredor do Día das Letras Galegas, Rey avanzou que as celebracións institucionais de Galicia terán a súa sede na Coruña. O 17 de maio, ás 10.30 horas, abrirase ao público unha exposición sobre Luísa Villalta, organizada polo Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Trátase dunha mostra itinerante que pasará polas principais cidades de Galicia e que iniciará o seu percorrido na sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita. Logo da apertura da exposición, levarase a cabo o acto institucional na praza de María Pita, xunto coa familia da escritora, e rematará cunha actuación musical. Ademais, logo dos actos, a Real Academia Galega desenvolverá un plenario no Teatro Rosalía de Castro.

Ademais, durante todo o mes de maio faránselles agasallos aos nenos e nenas, co obxectivo de divulgar a figura de Luísa Villalta e a lingua galega entre as/os máis pequenas/os. Repartirase o libro ‘A nosa estrela’, de Susana Villalta, irmá da poeta, que relata neste conto ilustrado como era a vida de Luísa cando era pequena. Tamén o libro ‘Tinta do mar’, pequena biografía da poeta.

Ademais dos actos e das actividades programadas polas Letras Galegas, o Goberno de Inés Rey levou a cabo diversas iniciativas en homenaxe á escritora. Villalta foi a figura escollida para a súa inclusión como figura do nacemento de Nadal 2023-2024, como tamén na tradicional ofrenda floral polo día de Defuntos, no Cemiterio de Santo Amaro.

Edición especial de En concreto (2004), obra póstuma da escritora

A alcaldesa, Inés Rey, tamén avanzou a publicación dunha edición especial da obra En concreto (2004) de Luísa Villalta, obra póstuma da escritora e que fora presentada o 8 de agosto de 2004 na Feira do Libro da Coruña. Rey explicou que a poesía é a faceta máis coñecida da poeta, aínda que cultivou tamén teatro, narrativa, tradución e ensaio, tanto en obras individuais como colectivas. “Son varias as obras poéticas publicadas pola escritora, todas elas recollidas na antoloxía poética Pensar é escuro (2023). Con todo, penso que a máis especial é En concreto (2004), publicada postumamente e dedicada á Coruña”.

Rey anunciou que o Concello da Coruña publicará, xunto con Xerais, unha reedición do poemario, con fotografías de Xurxo Lobato e textos de Estíbaliz Espinosa. “Esta é outra maneira de facer cidade coa que esperamos achegar unha oportunidade única para que o público lea e sinta a poeta da Cidade Alta”, sinalou.

A alcaldesa reivindicou a fonda pegada na traxectoria artística de Luísa Villalta, muller comprometida politicamente e cun marcado activismo en prol da cultura e da lingua.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego