O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática do Goberno de España anunciou no Boletín Oficial do Estado a declaración de tres espazos da cidade como Lugar de Memoria Democrática. Trátase da Casa Cornide, da península da Torre de Hércules, Punta Herminia e Campo da Rata e da Casa Museo Casares Quiroga. Esta medida prodúcese despois da solicitude remitida polo Concello en abril do ano pasado.
“Hoxe estamos máis preto de facer xustiza. De lembrar a valentía dos que loitaron contra a ditadura e a represión nesta cidade e de sandar a través da memoria e da lembranza. A Coruña é un lugar aberto que cre, por enriba de todo, na convivencia e na democracia. Mais non hai democracia sen memoria. Non esquecemos, e por iso seguimos a reivindicar a liberdade con accións coma esta”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
Un Lugar de Memoria Democrática é aquel espazo, inmoble, paraxe ou patrimonio cultural inmaterial ou intanxible no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936, a guerra, a ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos.
No caso da Casa Cornide, cumpre todas as condicións da Lei de memoria democrática para ser declarado Lugar de Memoria Democrática. Tanto o Pazo de Meirás como a Casa Cornide son dous perfectos exemplos da actuación da ditadura na cidade da Coruña. O matrimonio Franco-Polo instalouse noutras casas para pasar as súas vacacións, arrastrando consigo unha tupida rede de influencias, relacións e favores, pero estes dous edificios demostran, tanto polo proceso levado a cabo para a súa entrega, como nas posteriores actuacións que neles levaron a cabo durante anos, como entendía a ditadura a non distinción entre o público e o privado.
Por outra banda, no caso da Casa Museo Casares Quiroga, os seus moradores están intimamente vinculados á defensa dos valores democráticos desde que nela se instalou Santiago Casares Paz, que tiña o cargo de concelleiro elixido polo partido republicano da Coruña e foi alcalde da cidade durante un breve período de tempo no ano 1917. O seu fillo, Santiago Casares Quiroga, herdou estes valores e defendeunos durante toda a súa actividade política, tanto desde o seu posto de concelleiro republicano na súa cidade como no exercicio dos cargos ministeriais que desempeñou na Segunda República.
Para a cidadanía coruñesa, a Casa Casares Quiroga é un dos máximos referentes da represión e da barbarie cometidas polos franquistas, símbolo durante décadas do espolio de que foi obxecto, tanto a casa como os seus bens inmobles. De especial recordo polo tipo de documentación conservada é a enorme biblioteca perdida tras o proceso represivo, recuperada en parte. A Casa Museo é un dos espazos de maior actividade na actualidade, que acolle múltiples actos de lembranza e exaltación dos valores democráticos e da memoria histórica.
Por último, tamén foron declarados Lugar de Memoria Democrática a Torre de Hércules, Punta Herminia e o Campo da Rata, por encontrarse neles símbolos como o antigo cárcere provincial, o monumento Menhires pola paz, o Monumento aos fusilados da Guerra Civil, o Cemiterio Municipal de Santo Amaro e o memorial Xermolos de paz e liberdade.
“Un dos principais espazos vinculados á represión franquista atópase na contorna de Punta Herminia e o Campo da Rata, preto da Torre de Hércules. Os fusilamentos comezaron na zona do Campo da Rata e Durmideiras o 24 de xullo de 1936, apenas uns días despois do triunfo da sublevación na cidade. Alí foron executadas persoas condenadas por tribunais militares e vítimas de asasinatos extraxudiciais. A utilización deste espazo estivo estreitamente relacionada coa próxima Prisión Provincial, inaugurada en 1927, desde a que nforon trasladados presos para a súa execución. A condición daquela periférica e escasamente poboada zona favoreceu igualmente a súa utilización con estes fins. Coa recuperación das liberdades democráticas, o espazo foi adquirindo unha nova significación, vinculada ao recordo e á homenaxe ás vítimas”, apunta o informe do ministerio.



