A Coruña conmemora o 50 aniversario do falecemento de Pablo Picasso

O Concello da Coruña conmemora o 50 cabodano de Pablo Picasso cunha programación que contará con máis de 30 actividades baixo o lema  ‘Celebración Picasso 1973-2023’.

A programación está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se desenvolverán ata decembro na cidade. O Quiosco Alfonso, a principal sala de exposicións da cidade, será unha das sedes desta homenaxe coa mostra ‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe. A mostra está comisariada por Manuel Suárez e conta con obras de Correa Corredoira, Lara Pintos, Manuel Suárez, Mico Rabuñal, Pical Cancio, Samuel Castro e poemas de Yolanda Castaño. A súa apertura será o xoves 30 de marzo.

Outro dos escenarios centrais é a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí terán lugar tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición ‘Abrindo a nosa colección’, que amosa documentos e obras que forman parte da colección, arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa. A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra ‘O Guernika, unha viñeta universal – Humor na escuridade’. Por último, a exposición ‘A miña casa’ estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica rendéndolle homenaxe a Pablo Picasso. Ademais, na Casa Museo estase a desenvolver un importante labor divulgativo da figura de Pablo Picasso entre a mocidade, con visitas guiadas e actividades durante todo o ano.

Por outra banda, a Fundación Luís Seoane realiza dúas importantes actividades do programa. En setembro, o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación centrará a súa edición deste ano no artista. Entre outras cuestións, analizaranse os eixes temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística. Están en marcha tamén na Luís Seoane o ciclo de conferencias ‘Protagonistas’, no que se fala de musas, amantes, modelos e investigadoras arredor do universo de Picasso. Trátase dunha sesión ao mes de febreiro a outubro e o seu obxectivo é amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.

Outra exposición en homenaxe a Picasso será ‘O vento comezou de novo. O mundo de Pablo Ruiz contado por Villalobo’, de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo. A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego