A Academia Galega do Audiovisual ven de anunciar que a gala da XXV edición dos Premios Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 27 de febreiro en Palexco, na Coruña.
O anuncio realizouse nunha rolda de prensa celebrada no Concello da Coruña, na que participaron Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual e Inés Rey, alcaldesa da Coruña.

A celebración desta edición na Coruña supón o regreso dos Premios Mestre Mateo á cidade, que ao longo da historia dos galardóns acolleu un total de 14 galas. A primeira foi a da IV edición, en 2006, celebrada en Palexco. Desde entón, os premios pasaron tamén polo Teatro Colón, o Palacio da Ópera e outros espazos da cidade como ExpoCoruña e o Coliseum. Dous anos despois da súa última celebración na cidade, os Mestre Mateo regresan á Coruña para festexar a súa XXV edición.
A XXV edición volverá así a unha cidade cunha longa vinculación cos premios e co audiovisual galego, que será o escenario dunha nova celebración do talento, a creatividade e a diversidade da produción audiovisual do país.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou a especial vinculación da entidade coa cidade, onde hai 25 anos celebrou a súa primeira asemblea constitutiva: «Desde aquel primeiro momento, a colaboración e a visión estratéxica do Concello foron determinantes para que a Academia establecese aquí a súa sede permanente e construíse unha parte fundamental da súa historia. Tamén os Premios Mestre Mateo tiveron desde os seus inicios na Coruña un importante piar e un punto de referencia». Veiga lembrou que, tras varias edicións de carácter itinerante que permitiron levar a gala a diferentes cidades galegas, esta XXV edición era unha ocasión especial para regresar á cidade: «Nunha edición tan especial, tiñamos claro que había que volver á casa. Cumprir 25 anos é un fito que merece unha celebración á altura. Queremos que esta edición sexa unha homenaxe a todas as persoas que construíron o audiovisual galego e, ao mesmo tempo, unha celebración do futuro do noso sector».
Pola súa parte, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a satisfacción que supón para a cidade acoller unha edición tan especial dos premios. “A Coruña mantén unha relación histórica cos Mestre Mateo e co audiovisual galego. Recibir novamente esta gala, e facelo ademais no seu vinte e cinco aniversario, é unha magnífica noticia para a cidade e para todo o sector cultural coruñés”. Rey puxo en valor o momento que vive o audiovisual galego e o papel da cidade dentro deste ecosistema creativo. “A Coruña é unha cidade profundamente vinculada ao cinema e á creación audiovisual. Aquí naceron algunhas das primeiras imaxes cinematográficas do Estado e hoxe seguimos sendo escenario de rodaxes, fogar de profesionais de enorme talento e punto de encontro para a industria cultural galega”.
A edición deste ano terá, ademais, un significado especial: os Premios Mestre Mateo celebran os seus 25 anos de historia, un percorrido que acompaña o avance e a consolidación do audiovisual galego. Ao longo deste tempo, a gala converteuse nunha das grandes citas culturais do país e nunha escaparate do talento, a creatividade e a diversidade das profesionais e dos profesionais que constrúen o noso audiovisual.
Durante as próximas semanas, A Coruña acollerá unha ampla programación de actividades arredor do audiovisual galego, que levará a diferentes espazos da cidade propostas e encontros abertos á participación do público. O vindeiro mércores 18 de novembro terá lugar a presentación oficial da XXV edición, día no que se darán a coñecer as candidaturas dos Premios Mestre Mateo e as primeiras actividades que formarán parte deste programa especial, co que a Academia quere achegar a celebración dos seus 25 anos á cidadanía coruñesa.
Os Premios Mestre Mateo recoñecen cada ano a excelencia da produción audiovisual galega e constitúen unha oportunidade para celebrar e visibilizar o traballo dun sector que, ao longo destes 25 anos, medrou, se diversificou e acadou unha crecente proxección dentro e fóra de Galicia.



