A Coruña acolle hoxe a preestrea de ‘Stop making sense’, considerado o mellor ‘concert film’ da historia

Corenta anos despois da súa estrea, ‘Stop Making Sense’ volve ás pantallas. A Coruña é unha das seis cidades do Estado onde se preestreará a película, cunha proxección especial que terá lugar este martes, día 5, ás 20.15 horas nos Cantones Cines. A proxección contará coa presentación do músico Nuno Pico de Grande Amore xunto coas xornalistas Andrea Villa e Ángel Suanzes.

O mellor ‘concert film’ da historia

Jonathan Demme, Óscar a Mellor Director por ‘O silencio dos cordeiros’, dirixiu esta película na que se rodou durante catro noites os concertos da banda Talking Heads, composta por David Byrne, Tina Weymouth, Chris Frantz e Jerry Harrison que viñan de sacar o disco ‘Speaking In Tongues’(1983). O resultado foi un dos mellores ‘concert film’ da época e que, a día de hoxe, segue a resultar unha película de culto.

Agora, neste corenta aniversario da película, a produtora A24 relanza este filme nos cines cunha copia restaurada e remasterizada que chegará aos cines do Estado o 8 de marzo grazas ao traballo de Elastica Films. 

Demme e Talking Heads

Con ‘Stop making sense‘, o daquela novo cineasta Jonathan Demme pretendía seguir o ronsel doutras longametraxes musicais anteriores como The Last Waltz de Martin Scorsese ou Rust Never Sleeps de Neil Young. Ao director estadounidense siempre lle encantou a música tivera a oportunidade de ver tocar os Talking Heads a principios de 1983 en Hollywood, onde quedou fascinado pola magnética presenza do vocalista David Byrne e pola forza e potencia do directo da banda.

Co seu enfoque directo e honesto, o obxectivo de Demme foi recoller en cámara para a posteridade o mellor ‘concert film’ da historia, transmitíndolle ao espectador toda a enerxía de asistir a unha actuación dos Talking Heads.

Estreada en cines en 1984, Demme filmou con 7 cámaras e durante catro noites os concertos que os Talking Heads, a banda composta por David Byrne, Tina Weymouth, Chris Frantz e Jerry Harrison deron no Teatro Pantages de Hollywood Boulevard durante o Nadal de 1983.

Un dos momentos máis memorables do concerto é cando Byrne sae á escena a cantar a canción Girlfriend Is Better co Big Suit, un traxe absurdamente grande que estaba inspirado en parte no teatro Noh xaponés e que se converteu nunha icona non só de ‘STOP MAKING SENSE’ senón tamén do propio cantante.

Críticas

Trala súa estrea en cinemas, o concerto filmado recibiu excelentes críticas e foi considerado como “unha das máis grandes películas de rock nunca feitas”, ademais de recibir cualificativos como “abrumadora”, “fascinante” e “brillante”. Destacaban tamén a habilidade de Jonathan Demme para capturar “o enérxico e impredecible directo da mellor época de Talking Heads en todo o seu esplendor e agudeza visual”.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego