‘Cómicas, habelas hainas!’ é o título do ciclo co que a Deputación de Pontevedra leva desde comezos de marzo impulsando e reivindicando a comedia en vivo feita por mulleres. O programa, que rematará o 12 de maio, levará este humor intelixente feito por mulleres este sábado ao concello de Forcarei. Como en todos os espectáculos, actúan Bárbara Grandío (presentadora), Jazmín Abuín, Arantxa Treus e Marta Doviro.
Esta proposta da Deputación de Pontevedra, coordinada pola actriz, xornalista e cómica viguesa Jazmín Abuín, nace da idea de rachar cos prexuízos que aínda hoxe moitas compañeiras de profesión seguen a sufrir, especialmente en Galicia, como mulleres no eido da comedia.
Calendario de actuacións
A programación de ‘Cómicas, Habelas, hainas!‘ que arrancou en Moraña o 4 marzo, continúa no Auditorio de Soutelo de Montes de Forcarei o 15 de abril. En Vigo terá lugar o 20 abril no Auditorio Municipal e en Ponteareas, o 23 de abril na Sala Multiusos do Auditorio municipal. Nese mes, o día 29 as cómicas actuarán no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Xa en maio, haberá espectáculos na Cañiza (día 6 no Auditorio da Casa de Cultura) e en Pontevedra (o 11 maio no Teatro Principal), para finalizar no Grove (o 12 maio no Auditorio).