A expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller‘ volverá abrir as súas portas para fomentar as vocacións científicas e investigadoras, dando a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nas universidades, nomeadamente o das investigadoras da UVigo. Esta segunda edición, que terá lugar o 21 de abril, estenderá as súas actividades a múltiples espazos da vidade como é a praza do Berbés, o edificio Redeiras, onde se celebrará unha conferencia, e ao planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, onde se desenvolverá unha visita guiada.
En total haberá unha ducia de postos, 10 sobre proxectos, grupos e centros de investigación da universidade, un da Unidade de Igualdade da UVigo e outro informativo sobre a Deputación de Pontevedra.
As vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, incidiron no carácter lúdico da iniciativa, coa que a UVigo pretende seguir achegando a ciencia á sociedade dun xeito accesible e divertido.
Liñas temáticas da expo-feira
‘De Galicia ao espazo’; ‘Realidade virtual e realidade aumentada’ ou A’ importancia das algas microscópicas mariñas’ son os títulos dalgúns dos obradoiros que entre as 16 e as 19.30 horas se desenvolverán na praza do Berbés, que ademais contra o mediodía recibirá a visita de escolares e 5º e 6º de primaria dun centro educativo da contorna. Tanto o alumnado, como o público que pola tarde visite a expo-feira poderá somerxese, da man das e dos investigadores da UVigo, a través de obradoiros e experimentos en ámbitos como o medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía ou o patrimonio, as liñas temáticas elixidas para estas edición do evento.
As actividades de A ciencia que vén ten nome de muller completaranse coa conferencia que a partir das 19.15 horas impartirá a investigadora en evolución do cancro do Cinbio da UVigo, Nair Varela Rouco, que fará un percorrido por historias de mulleres relevantes no campo da investigación. Pola súa banda, o Instituto Marítimo Pesqueiro organizará, a partir das 16.00 horas, unha visita ao planetario, guiada polo capitán da Mariña Mercante Adolfo García Campos. Esta actividade ten un aforo limitado a 40 persoas, polo cómpre que os interesados realicen unha reserva.