Mañá, 30 de xuño de 2020, será o día no que a central de carbón de Meirama, propiedade de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa), deixará de operar. A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” celébrao como un importante logro na loita contra a emerxencia climática global. Xunto coa de Meirama, pecharán outras sete centrais de carbón españolas, no que supón un punto de inflexión de cara ao abandono da produción eléctrica con carbón no Estado español.
Central de Meirama
Desde a súa conexión á rede eléctrica en 1980, a central de Meirama emitiu decenas de millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro (GEI). Ata 2018, foi a segunda instalación industrial galega con maiores emisións de CO2, só por detrás da máis potente central de carbón das Pontes. O peche da central de Meirama diminuirá ás emisións galegas de CO2, en maior medida canto máis se substitúa a súa achega enerxética pola diminución do consumo e polas enerxías renovables, e non por unha maior actividade de centrais de ciclo combinado a gas natural como a que Naturgy posúe en Sabón (Arteixo).
A decisión de Naturgy, divulgada en xaneiro de 2019, de non investir nunha nova reforma da central para diminuír a súa contaminación tóxica e poder así cumprir coa Directiva de Emisións Industriais (DEI), que se lle aplicaría a partir do 1 de xullo, é a causa inmediata do peche. O peche de central térmica de Meirama, con 580 MW (megavatios) de potencia, suporá unha diminución dun 30% na capacidade galega de produción eléctrica con carbón. A restante corresponde aos 1400 MW da central de carbón das Pontes, propiedade de ENDESA.