O Goberno local aprobou hoxe en pleno a revisión de oficio dos acordos municipais de 1962 que permitiron que a Casa Cornide rematase en mans da familia Franco, dando así un novo paso no proceso impulsado polo Goberno local para recuperar o inmoble para o patrimonio público.
Esta anulación dos acordos son un trámite necesario dentro do procedemento iniciado polo consistorio para que a Casa Cornide, situada na Cidade Vella, volva formar parte do patrimonio municipal.
O trámite inclúe tamén a desestimación das alegacións formuladas por Francisco Franco Martínez-Bordiú, neto do ditador, contra o procedemento de revisión de oficio iniciado polo Concello. A familia reclamaba, entre outras cuestións, o arquivo do expediente e cuestionaba o interese xeral da actuación municipal.
A aprobación plenaria non devolverá automaticamente a Casa Cornide ao Concello. O acordo serviría para eliminar administrativamente os actos municipais que estiveron na orixe da operación de 1962. A restitución efectiva da propiedade precisará posteriormente dunha demanda civil na que se solicite que o inmoble regrese ao patrimonio público.
Saber máis do caso Casa Cornide
‘Longa noite de espolio’ é o título do terceiro capítulo da serie ‘LUZ, CINZA E PEDRA, Cartografía da memoria coruñesa’ a serie audiovisual que aborda a recuperación da memoria democrática da cidade e que está producida e realizada por Nós Televisión co apoio do Concello da Coruña, dirixida por Iago Prada e coa participación de asociacións e persoas que traballan pola recuperación da memoria da cidade.
A serie está composta por 3 capítulos de vídeo, para arroupar a reivindicación de que a Casa Museo Casares Quiroga (Cap.1) a zona da península da Torre, Punta Herminia e Campo da Rata (Cap.2) e a Casa Cornide (Cap.3) sexan declarados Lugares de Memoria Democrática.



