A Carballeira de Zas reivindícase como un motor económico para o comercio e o turismo local

A Festa da Carballeira de Zas, que celebrará a súa 41ª edición os días 7 e 8 de agosto, volve converterse nun punto de encontro clave na Costa da Morte. Máis alá do seu valor musical, a cita atrae a un elevado fluxo de asistentes de fóra do concello, xerando unha oportunidade de promoción directa para o tecido empresarial da zona.

Desde a organización destacan a importancia de que este impacto se estenda a sectores como a hostalaría, os aloxamentos turísticos e o comercio de proximidade. O director do festival, Diego Blanco, subliña este aspecto: “A Carballeira vai moito máis alá da música; é a mellor carta de presentación de Zas. O noso obxectivo é que quen veña polo cartel aproveite para consumir no pobo, descubrir os nosos comercios e namorarse do lugar”.

Esta visibilidade esténdese tamén ao patrimonio natural e histórico do municipio. A estancia dos visitantes favorece a promoción de enclaves como as Torres do Allo, o artesanado do liño de Baio ou os roteiros de sendeirismo, consolidando o festival como un aliado da proxección territorial tras máis de catro décadas de traxectoria.

Toda a información sobre a programación por día e venda de entradas atópase dispoñible na páxina web oficial do evento.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego