En dous días, o propio 8 de marzo, arrancará a campaña da Deputación da Coruña que baixo o lema ‘É por ser muller’ pon o foco no traballo reprodutivo sostido, fundamentalmente, por mulleres. Isto é, engloba o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia, do socio-comunitario, da igualdade ou do acceso á vivenda. Traballos precarizados ou non remunerados e que constitúen unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero, segundo cifras que nos últimos anos achegan diversas fontes.
‘É por ser muller’ que pon en marcha neste 8M a área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño. Trátase dunha programación que botará a andar o propio mércores 8 de marzo, Día da Muller, no vestíbulo do edificio da Deputación na Coruña, nun acto institucional no que participarán membros da corporación provincial e cunha actuación do grupo musical “Fillas de Casandra” cos seus temas reivindicativos. Mais a programación do 8M da Deputación, como xa vén sen tradición nos últimos anos, é un programa que se expande ao longo do tempo, durante os meses de marzo e abril, e ao largo do territorio. Así, continuará con palestras, mesas de diálogo e espectáculos musicais na Coruña, Cambre, Betanzos, Ordes, Arzúa, Oroso, Carballo, Cabanas e Zas.
Laura Bugallo, Antía Pérez Caramés e Ana Lorenzo
A primeira da citas desta programación expandida terá lugar na tarde do venres10 de marzo, das 16h ata as 19:30h, nas instalacións da AC Alexandre Bóveda.
A primeira das actividades leva por título “Voces sobre o marco estrutural do mundo do traballo desde unha perspectiva feminista”, e nela participarán Laura Bugalho, especialista en intervención socioeducativa, sindicalista e activista trans feminista; Antía Pérez Caramés, profesora doutora en socioloxía na Udc, e estará moderada por Ana Lorenzo, socióloga e vinculada á economía social e alternativa desde a década de 1990.
SAF e Asociación de Redeiras Profesionais de Malpica
Continuará cunha “conversa para dar voz á situación dos dereitos laborais en sectores feminizados”, encabezada por Marisol Gómez do SAF de Vilagarcía e por Ángeles Mille, secretaria da Asociación de Redeiras Profesionais O Fieital de Malpica representando a ANMUPESCA. Como moderadora intervirá Mariola Mourelo.
AldaoLado no escenario
E rematará co espectáculo “O benquererse”, a cargo de AldaoLado, no que Lucía Aldao e María Lado abordan os temas dos coidados e a precariedade a través das súas propias vivencias persoais. Como vén sendo habitual nas súas propostas, mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguen atopando na vida pública e privada. Botando man do humor, falan do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma.