A biografía de Afonso X o Sabio, o “monarca das Letras Galegas medievais”, xa no Álbum de Galicia

A colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG),  Álbum de Galicia, incorpora desde esta semana a entrada de Afonso o Sabio, X de Castela e IX de Galicia-León, cun texto a cargo de Henrique Monteagudo, que o describe como “monarca das Letras Galegas medievais”.

A biografía arrinca coa orixe do reino que herda Alfonso X o Sabio, nado en Toledo en 1221. “Alfonso asumiu o cetro de Castela e León-Galicia ao pouco de que o seu pai unificase os dous reinos (1232) e, a continuación, conquistase boa parte de Andalucía”, apunta Monteagudo. Deste xeito, o monarca veuse cuns territorios poboados por xentes de diferentes relixións, nos que se falaba castelán, ástur-leonés, galego, éuscaro e árabe, e vigoraban tradicións culturais en latín, romance, árabe e hebreo.

Todo isto propiciou que trazase un proxecto político innovador no que “buscaba reforzar o poder da monarquía á conta da nobreza e da Igrexa”. Ademais, en paralelo, “puxo en marcha un ambicioso programa cultural, para promover unha alta cultura laica que desafiase o monopolio eclesiástico“.

Monteagudo explica na entrada que a clave estivo na súa política lingüística “de promoción do romance en detrimento do latín”. O latín e a cultura escrita eran patrimonio da Igrexa e non valían como idioma común nun reino en que se falaban tantas linguas, o que motivou o impulso ao castelán.

Na súa entrada, Monteagudo destaca tamén o empeño do monarca en concentrar a cultura ao redor da súa corte. “El mesmo foi un espléndido poeta, activo durante toda a súa vida adulta, aínda que, ao parecer, primeiro centrouse na produción profana (1245-1266) e despois na relixiosa (1264-1284)”, apunta Monteagudo, que destina unha mención específica ás Cantigas de Santa María. Nesta reportaxe de Nós Televisión, afondamos precisamente nas razóns polas que as Cantigas de Santa María están escritas en galego.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego