A banda brasileira-mexicana ‘Francisco, El Hombre’ encabeza as propostas de América Latina que MARÉ trae a Santiago

MARÉ, festival de músicas e artes atlánticas, converterá entre o 25 e o 29 de setembro Santiago de Compostela no punto de encontro para a diversidade cultural de ambas as dúas beiras do Atlántico grazas á participación no seu programa de bandas e solistas procedentes de Brasil, Arxentina ou México. Coa súa clara vocación de crear sinerxías creativas entre músicos locais e internacionais, ofrecéndolle ao público un calidoscopio da multiculturalidade atlántica, MARÉ achegaralle á cidade propostas consolidadas e emerxentes dende o outro lado do charco.

Francisco, El Hombre

Un dos nomes máis destacados nesta quinta edición será Francisco, El Hombre, un dos grupos independentes máis importantes no panorama musical da América Latina. A banda, formada por Mateo e Sebastián Piracés-Ugarte (México) e os brasileiros Juliana Strassacapa, Andrei Martinez Kozyreff e Helena Papini, presentarán o seu novo disco Hasta el Final, un traballo que é coma unha festa catártica que simboliza todo o que o quinteto construíu ao longo dos anos.

No seu concerto, que se celebrará o sábado 28 de setembro ás 21.00 na Sala Capitol, o público poderá descubrir un son que mestura a música popular brasileira e afrolatina con punk-rock e electro-punk psicódelico. Outro trazo que caracteriza a produción artística de Francisco, El Hombre é a naturalidade coa que defenden o dereito á felicidade e á liberdade do individuo para autodefinir a súa identidade, filosofía que converte o grupo nun referente para as novas xeracións e o colectivo LGTBI+.

Laura Itandehui

Dende México, tamén chegará a cantautora Laura Itandehui, cantante mexicana de orixe oaxaqueña e tampica que, malia dominar a linguaxe do jazz cun estilo propio, ten moi claro que non pode nin quere deixar de lado a tradición, a cultura e a idiosincrasia das que procede. A súa voz resoará no Teatro Principal o sábado 28 nunha actuación previa ao concerto que ofrecerá A Pedreira.

Zuaraz

Na banda Zuaraz únense talentos procedentes de México e Galicia co obxectivo de recuperar o espírito das cancións populares latinoamericanas: o son jarocho, o bolero ou a trova iucateca. Actuarán na sala Riquela tamén o sábado.

Arxentina e Brasil

A Sala Riquela tamén será o escenario para o concerto de Aluminé Guerrero, cantante, multiinstrumentista e compositora arxentina que traslada o público en cada actuación a un transo alegre e festivo. A súa proposta, que se poderá ver o xoves 26, fusiona os ritmos dixitais cos acordes de charango, melodías de guitarra e pinkullo. O seu último disco, Hierba Mala, foi publicado en setembro de 2023. Trátase dun traballo inspirado en diversas paisaxes de Arxentina. A metáfora da mala herba érguese como símbolo de resistencia.
O concerto de clausura do domingo 29 homenaxeará a Zecá Afonso na conmemoración do 50º aniversario da Revolución do 25 de abril. Lá no Xepaganra reunirá no escenario a Selma Uamusse (Moçambique), Isabel Novela (Moçambique), Edu Mundo (Portugal), Manuel de Oliveira (Portugal) na guitarra, Dilson Pedro (Angola) na percusión, João Frade (Portugal) no acordeón, Albano Fonseca (Portugal) no baixo e Fred Martins (Brasil).

E precisamente dende Brasil chegará tamén DIADORIM, álter ego de Larie, produtore musical brasileira, multiinstrumentalista e DJ recentemente nomeade. Orixinarie de Brasil e afincade en Portugal, DIADORIM mantén unha dedicación á música coa que procura constantemente novos sons e experiencias. DIADORIM chegará o sábado 28 á praza de Mazarelos, outros dos espazos de MARÉ.

A esencia do MARÉ

O Festival MARÉ, promovido por Nordesía co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña ou o Concello de Santiago e mais entidades como Estrella Galica, celebra a diversidade cultural e lingüística, promovendo a conexión emocional entre diferentes comunidades artísticas. É unha plataforma de intercambio cultural onde artistas de todo o mundo comparten as súas visións creativas e inspiran colaboracións. Cada edición destaca temáticas como a inclusión social, o feminismo, a diversidade sexual e a sustentabilidade ambiental.

MARÉ intégrase coidadosamente coa cidade de Santiago de Compostela, usando espazos emblemáticos tanto ao aire libre como interiores, creando un ambiente íntimo e accesible para o público. Tamén promove a cultura local, ofrecendo unha plataforma para que talentos locais compartan escenario con artistas internacionais. O cartel deste ano inclúe máis de 30 bandas, destacando propostas tan diferentes como son as de Sumrrá&Niño de Elche, Albert Plá & The Surprise Band, Francisco, el Hombre, Ana Lua Caiano, o espectáculo Ultranoite na MARÉ do grupo Chévere ou o concerto homenaxe dende a lusofonía a José Afonso Lá no Xepangara.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego