A Asociación Galega de Editoras (AGE) conmemora os 40 anos desde a súa creación en 1983, coa renovación da súa imaxe corporativa a cargo do deseñador Pepe Barro e con varias accións que se desenvolverán ao longo deste ano. Entre elas, un acto especial conmemorativo e unha publicación do libro ‘Cen anos de edición moderna en Galicia’, que recollerá as intervencións no último Simposio do Libro da Lectura, celebrado en Compostela en novembro de 2022.
Con este aniversario, a AGE márcase dous obxectivos: no mercado interior, sumar forzas co resto de colectivos que integran a cadea do libro co fin de superar a situación na que se atopa a lingua galega e incrementar ese 17% de cota actual de mercado de libro galego en Galicia. O segundo obxectivo é acadar os apoios necesarios, e útiles, para a proxección exterior da nosa edición.
A feira de Boloña marcará o inicio da presenza exterior da AGE en 2023, na que o gremio de editoriais de Galicia terá presenza na feira dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), como xa o fixera na pasada edición da feira internacional do libro de Frankfurt.
A Asociación Galega de Editoras volverá ofrecer ás súas asociadas unha oferta formativa especializada no sector e o servizo gratuíto de asesoramento en contratación de dereitos e negociación e internacionalización de proxectos empresariais para resolver casuísticas puntuais sobre o funcionamento internacional de compra e venta de dereitos de explotación de libros, consulta sobre materiais, catálogos e web enfocados na internacionalización dos contidos, consultas sobre cláusulas concretas dun contrato nacional ou internacional, sobre o funcionamento da contratación no estranxeiro, ou sobre os conceptos de contratación (formatos, explotación, cesións…)