A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXV Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición, que xa está aberto, pecharase o próximo luns, 10 de maio. Nestas semanas, as compañías de teatro poderán inscribir os seus espectáculos, como tamén os/as profesionais que participan nos mesmos, nos galardóns de teatro, que neste 2021 chegan á súa vixésimo quinta edición. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor/actriz en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
Os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do teatro -que neste 2021 corre a cargo de Evaristo Calvo- e recollerase o Premio de Honra Marisa Soto.