A actriz María Vázquez, pregoeira da 49 edición da Festa do queixo

O Concello de Arzúa ultima os detalles para a celebración dunha das festas gastronómicas e culturais máis grandes do país, A Festa do Queixo que este ano chega á súa 49 edición. Neste sentido, vén de anunciar que a actriz nominada aos Goya como mellor interpretación feminina por ‘Matria’, María Vázquez, asumirá o pregón que abrirá as festas o sábado 2 de marzo ás 11.45 horas na feira de Arzúa. 

María Vázquez

María Vázquez conta cunha exitosa carreira, tanto cinematográfica como televisiva e teatral. É a segunda vez que está nominada aos premios Goya, tras “Mataharis”, ademais de ter levado outros moitos premios, como o Ojo Crítico de RNE, o Mestre Mateo por “O Club da calceta”, aos que tamén está nominada este ano 2024.

Pregoeiras ilustres

María súmase a unha longa lista de pregoeiros e pregoeiras ilustres, como Tamar Novas (2023), Susana Rodríguez Gacio (2022), Benedicta Sánchez (2020), Benigno Campos (2019), Tonhito de Poi (2018), María Castro (2017), Xosé Lois ‘O Carrabouxo’ (2016), Nacho Mirás (2015), Pablo Insua, Lolo Penas, Diego Quintela, Óscar Pereiro, Diana Cotón (xuntos en 2014), Xose A. Touriñán (2013), Teté Delgado (2012), André Arzúa (2011), Séchu Sende (2010), Montse Varela (2009), Xaquín Marín (2008), Yolanda Castaño (2007) ou Carlos Blanco (2006).

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego