A Asociación Cultural Aleixandre Bóveda presentará este mércores, 25 de maio, ás 19.30 horas no seu local, situado na cidade da Coruña, o documental ‘María Miramontes, tecedora dun país‘ elaborado por Nós Televisión. Ás persoas asistentes a esta presentación recibirán como obsequio o tríptico de María Miramontes que publicamos dentro da colección Muller(es) de palabra. Para asistir, cómpre inscribirse a través desta ligazón.
Na procura da pegada de María Miramontes
A vida de María Miramontes estivo próxima a ficar no esquecimento. A súa invisibilización ten dous motivos: ser muller e vítima da represión franquista. Filla de xornaleiros, comeza a traballar como costureira con só 11 anos na cidade da Coruña. Militará nas Irmandades da Fala e formará parte da súa xunta directiva. Nese ambiente activista coñecerá a Anxel Casal, o seu marido e compañeiro de loitas, co que decidirá instalarse en Santiago de Compostela unha vez sexa proclamada a República. Modista reputada na sociedade santiaguesa, o seu traballo foi fundamental para o sostemento económico das diversas iniciativas editoriais e culturais do galeguismo: as Irmandades da Fala, as editoriais Lar e Nós e as Escolas do Insiño Galego. Xunto a outras militantes galeguistas, María vai participar activamente da criación do Partido Galeguista e da campaña a prol do Estatuto de Galiza. Após o golpe de Estado e a detención e asasinato do seu home, Anxel Casal, María Miramontes vese obrigada a marchar para o exilio. Será en Buenos Aires onde falecerá o 17 de setembro de 1964.
Este documentario foi posíbel grazas ao apoio do Concello de Bergondo, o Concello de Santiago, o Concello de Arzúa e a Deputación da Coruña.