Iria-Friné Rivera Vázquez ofreceu este pasado martes unha palestra baixo o título ‘Celebrando o SEG. Emulación, emancipación, redención’ na Asociación Cultural Alexandre Bóveda. A palestra centrouse na campaña de investigación que o Seminario desenvolveu ao longo do verán de 1936. De feito, un dos reclamos da palestra foi a derradeira fotografía que existe deste grupo que apostou polas ciencias sociais e naturais galegas e en galego.
A imaxe que a Alexandre Bóveda rescatou dun arquivo particular preséntase como a homenaxe que, no marco destas actividades, o SEG rendeu a Eduardo Pondal coa visita ao megálito de Dombate que o bardo cantou nos seus versos. “Ese foi tamén o derradeiro día no que o SEG viu a luz do día”, apunta a Agrupación.
As persoas que acudiron á palestra recibiron de agasallo a publicación de Iria-Friné Rivera O Seminario de Estudos Galegos que tamén podes atopar aquí.