Chega agosto e chega tamén unha das citas máis especiais e auténticas do verán galego: a 41ª Festa da Carballeira de Zas. Os vindeiros 7 e 8 de agosto, a música de raíz, a natureza e o mellor ambiente volverán darse a man nunha contorna única.
Nesta edición a Carballeira de Zas presenta un cartel de primeiro nivel, encabezado por Baiuca, Fillas de Cassandra, Xabier Díaz e Radio Cos, entre moitos outros artistas que converterán Zas nun dos grandes epicentros da música galega este verán.
Como novidade, este ano incorpora o Mercado da Deputación da Coruña, un novo espazo dedicado á artesanía, ao lecer e aos produtos de proximidade, que ampliará a programación durante o día e ofrecerá unha experiencia aínda máis completa para o público asistente.
Carballeira de Zas: o sábado
O sábado 8 a música arrancará cedo, ás 12:00 horas, cun formato totalmente familiar e interxeracional da man de Paco Nogueiras, a música de Xabier Díaz, o espectáculo da CE Orquesta Fantasma e o ilusionismo do Mago Teto. Esta intensa mañá servirá como antesala para a tradicional e gran Foliada popular.
Xa de cara á noite do sábado, os grandes concertos principais encherán o recinto coas propostas de Alana, o directo de Radio Cos, o folk internacional dos irlandeses Blackwest e o agardado directo do dúo Fillas de Cassandra. O broche final e o peche desta edición correrá a cargo do ritmo de Señora DJ.
Entradas
A venda anticipada de bonos online está a recibir unha gran resposta por parte do público. Os abonos regulares pódense adquirir a través de páxina oficial do festival. De cara aos días do evento, os prezos fixados para as entradas en taquilla serán de 20 euros para o venres, 20 euros para o sábado, e un abono para os dous días completos por un prezo de 30 euros.
Co obxectivo de fomentar o relevo xeracional e facer do festival unha experiencia aberta e accesible para todo o mundo, haberá entrada totalmente gratuíta para os menores de 14 anos e para os maiores de 65 anos.
Como é tradición, todos os asistentes disporán dun espazo lúdico infantil, feira de artesanía, unha coidada e variada oferta gastronómica e a habitual zona de acampada gratuíta dotada con baños e duchas, situada a moi poucos metros do recinto musical na Carballeira de Velar de Zas.



