Home Programas Espazo Aberto A Estrada Comedy 2 incluirá seis monólogos entre outubro e marzo

A Estrada Comedy 2 incluirá seis monólogos entre outubro e marzo

0
A Estrada Comedy 2 incluirá seis monólogos entre outubro e marzo

A Estrada acolle desde outubro a marzo a segunda edición de Estrada Comedy, organizada por Moita Merda promocións, e na que colabora o Departamento de Cultura do Concello da Estrada. Nesta ocasión, serán seis monologuistas de renome os que forman parte da programación: Javier Veiga, Álex O ´Dogherty, Enrique San Francisco, Carlos Blanco, Pablo Carbonell e Antílopez.

Son seis artistas de primeirísimo nivel

Todos os eventos serán no Teatro Principal estradense ás 21.00 horas e o prezo das entradas será de 10 €; anticipadas, e de 13 € na billeteira. Pódense mercar previamente no Departamento de Cultura, segundo andar da Casa Consistorial, ou de maneira online a través en www.ticketea.com (só as entradas do primeiro monólogo, o de Javier Veiga) e os demais en www.woutizk.es

Javier Veiga

21 de outubro. Recompilación dos seus monólogos, seguramente en galego. Actor e humorista, participou en múltiples espectáculos, creando a compañía Teatro Impar coa que dirixiu varias obras.

Álex O´Dogherty

17 de novembro. Será un espectáculo cómico-musical no que tocará varios instrumentos e interactuará moito co público. Doguerty é actor, monologuista, músico, presentador dalgunhas galas, pero o que mellor se lle da é facer o pallaso, tal como se define na súa páxina web

Enrique San Francisco

8 de decembro. O espectáculo na Estrada será un mistura dos seus mellores monólogos. “Non necesita presentación xa que é o pai dos monólogos en España”, resalta Quintela. Rogelio Enrique San Francisco Cobo, coñecido como Quique San Francisco, é un humorista, monologuista e actor español

Carlos Blanco

19 de xaneiro. Antoloxía dos seus mellores textos e existe a posibilidade que faga un monólogo novo. Blanco é actor e director. Traballou en filmes como Heroína de Gerardo Herrero, Sé quien eres de Patricia Ferreira ou Cargo de Clive Gordon. Tivo un pequeno papel en Volver de Pedro Almodóvar, entre outros traballos cinematográficos.

Pablo Carbonell

2 de febreiro. Falará das anécdotas máis aloucadas da súa vida, despois de escribir recentemente as súas memorias. Cantante, humorista e actor español, fundou un dúo e o grupo musical Los Toreros Muertos. Participou en programas televisivos como La bola de cristal, La noche se mueve, El peor programa de la semana o Caiga quien caiga, entre outro

Antílopez

23 de marzo. Antílopez é un dúo de artistas onubenses cun novo concepto de canción de autor. Son compositores e intérpretes das súas creacións e espectáculos, cuxa escena é representativa por un toque de post-humorismo. Usan un aire desenfadado, que aplican como unha extensión do que son fóra do escenario: divagacións, construción e deconstrución de personaxes, improvisación, crítica social e emocional e interactuación co público nos seus directos.