Home Espazo Aberto Medio ambiente Un roteiro pola Serra do Oribio defenderá este domingo os valores da Rede Natura 2000

Un roteiro pola Serra do Oribio defenderá este domingo os valores da Rede Natura 2000

0
Un roteiro pola Serra do Oribio defenderá este domingo os valores da Rede Natura 2000

A conservación da Serra do Oribio atópase en risco segundo as organizacións ecoloxistas que advirten das consecuencias que podería sufrir este espazo natural protexido co desenvolvemento do proxecto de parque eólico que quere construír a empresa Fergo Galicia Vento. Os colectivos entre os que se atopan a Asociación Socio-Cultural do Iribio, ADEGA, EQUO, a Plataforma para a Defensa Animal e da Natureza e a Plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna Salvaxe CON-ÉTICA, organizan para este vindeiro domingo día 28 un roteiro reivindicativo pola Serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos.

A andaina a pé, que partirá desde alto do Couso de Queixadoiro, no límite entre os concellos de Triacastela e Pedrafita, busca dar a coñecer os valores ambientais, paisaxísticos e histórico-patrimoniais que durante séculos gardaron estes montes e alertar da grave ameaza que supón para a súa conservación o parque eólico que alí proxecta construír a empresa Fergo Galicia Vento.

Seguirase, para iso, o trazado marcado polo antigo Camiño Real de Vilafranca do Bierzo a Monforte de Lemos, hoxe xa parcialmente desfeito polas recentes obras dos accesos ao parque proxectado, para descubrir medorras, neveiros ou antigas ventas e portádegos, lugares de dereito de paso que testemuñan a importancia histórica desta serra como verdadeira porta de entrada a Galicia.