O compromiso coa igualdade é un dos sinais de identidade de Nós Televisión. Por iso, unha das nosas liñas de traballo é a da recuperación da memoria histórica das mulleres, apostando tamén pola creación de novos formatos, como o Vía Rosalía, que poñan en valor o compromiso feminista das maiores referentes da cultura galega. Sabemos que fica moito por facer, que moitas das reivindicacións históricas do movemento feminista aínda non foron conquistadas, mais nun día como hoxe queremos por un modesto grao de area. Por iso seleccionamos unha serie de contidos producidos recentemente que poden axudar á reflexión no día 8 de marzo.
Xela Arias, honestidade e protesta
A honestidade e a protesta forman parte de Xela Arias, unha autora imprescindíbel da cultura galega a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2021. Falamos con Darío Gil, Yolanda Castaño, Xulio Gil e Nuria Vilán.
Margarita Ledo – Cinema, Feminismo e Clase
A intelectual e cineasta Margarita Ledo reflexa en Nación, “a participación na loita política das mulleres”. Trátase dun filme “de clase” no que coñecer “moitas cuestións que foron esvaendo”. A partir deste fío, que abrimos coa obra ‘Nación’, conversamos con Margarita Ledo sobre a clase traballadora, os feminismos e o cinema.
‘Monstras’, a primeira webserie feminista galega feita só por mulleres
“Catro mozas chegan de madrugada á casa da amiga dunha delas: aconteceu algo do que non poden falar”. Este é o fío argumental da primeira webserie feminista en galego de Corentena Producións, ‘Monstras’. A equipa de Nós Televisión entrevistou a tres das actrices principais: Antia Costas, Nola Drake e Patri Torres.
Mercedes Peón, a transgresora pandeireteira
“Son unha compositora con autoestima cultural”, sostén Mercedes Peón con quen falamossobre a creación colectiva, as representacións sociais, a ausencia do xénero nas aldeas, a tradición e o número 3. A través da música e das palabras, Peón descúbrenos a forza dos mundos posíbeis, a enerxía que a percorre e todo o que podemos ser capaces de habitar.
María Miramontes, tecedora dun país
A vida de María Miramontes estivo próxima a ficar no esquecimento. A súa invisibilización ten dous motivos: ser muller e vítima da represión franquista. Filla de xornaleiros, comeza a traballar como costureira con só 11 anos na cidade da Coruña. Militará nas Irmandades da Fala e formará parte da súa xunta directiva. Nese ambiente activista coñecerá a Anxel Casal, o seu marido e compañeiro de loitas, co que decidirá instalarse en Santiago de Compostela unha vez sexa proclamada a República.